A silueta do xa tradicional “Fancinito” (logotipo do festival Fancine de Lemos dende os seus comezos) cruza, maleta na man, a ponte vella da cidade en plena noite. Iluminado únicamente polas luces dos farois que crean un contraste de claroscuros ao máis puro estilo do expresionismo alemán, a imaxe transpórtanos inmediatamente ao desacougante cartel da película de “O Exorcista” (William Friedkin, 1973) onde un fantasmagórico Max von Sydow, no papel do Pai Merrin, perfílase baixo as luces da cidade.

Así presenta a deseñadora monfortina Andrea Rodríguez o cartel da IX edición do Festival de cine fantástico FANCINE DE LEMOS.

“Déronme total liberdade para crear e compoñer, só me indicaron que esta edición estaría inspirada no Exorcista, así que tomei como referencia o cartel da película orixinal do 1973. A néboa monfortina, cada inverno, xera unha atmosfera moi tétrica, ideal para ambientar unha película de terror como esta, así que o pasado Nadal fixen un percorrido polos lugares máis emblemáticos da nosa cidade, buscando a localización perfecta. Escollín a Ponte Vella, que é unha das iconas de Monforte, e acompañoume o Fancinito interpretando o papel para a ocasión”.

Considerado pola crítica un dos clásicos do cine de terror, a película “O Exorcista”, cumpre 50 anos da súa estrea. Con esta efeméride na porta, a novena edición do Fancine de Lemos renderá este ano homenaxe ao filme cuxo aniversario centrará a edición deste 2023.

*Andrea Rodríguez realiza, dende o seu estudio na Coruña, proxectos de fotografía, video e deseño gráfico. A artista monfortina estudiou Fotografía artística, Publicidade e Creatividade Publicitaria e Comunicación Audiovisual. WEB

Comment